-
ÁREA DE ARQUITECTURA E URBANISMO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa Vivenda dos Funcionarios 6, 2º andar, Avenida das Ciencias.
– LUGO: Facultade de Veterinaria, Avenida Carballo Calero.
FINALIDADE:
A Área de Arquitectura e Urbanismo atende as necesidades de reforma, ampliación e mellora da infraestrutura edificada nos Campus de Santiago de Compostela e Lugo —ademais de varios edificios vinculados á investigación noutros puntos de Galicia—, comprendida por máis de 100 edificios que abranguen unha superficie construída de máis de 550.000 m², sobre unha superficie urbanizada de máis de 850.000 m². Encárgase tamén da coordinación e dirección das obras de nova planta, así como da xestión do planeamento que atinxe á Universidade.
-
ÁREA DE CALIDADE E MELLORA DOS PROCEDEMENTOS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
O Servizo de Calidade é un servizo que coordina e apoia tecnicamente os procesos de avaliación, certificación e acreditación; deseña e pon en marcha os plans de calidade na USC; dinamiza e impulsa o sistema de xestión de calidade da Universidade, analiza os procedementos e formula propostas de mellora a través do redeseño dos procesos ou a reorganización dos servizos.
-
ÁREA DE CULTURA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
A Área de Cultura ofrece distintas programacións, prestacións e servizos de carácter cultural aos membros da comunidade universitaria e á sociedade en xeral. As liñas de actuación son: a promoción cultural, con accións de apoio para a realización de actividades e producións e axudas a teatro e danza; a produción cultural, mediante actividades estables da Aula de Teatro, a Orquestra Sinfónica da USC, o Espazo de Danza e o Coro Universitario; a formación e extensión cultural, coa oferta de cursos de arte dramática, danza e fotografía, a Universidade de Verán, o programa de Astronomía ou os Encontros Orquestrais; a difusión cultural, coa organización de concertos, exposicións, representacións escénicas, proxeccións cinematográficas e outras actividades culturais; e a promoción, valorización e conservación do patrimonio histórico-artístico da USC.
-
ÁREA DE OPERACIÓN DE INFRAESTRUTURAS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Vivendas dos Funcionarios, Avenida das Ciencias.
FINALIDADE:
A Área de Operación de Infraestruturas ocúpase das actividades necesarias para asegurar o funcionamento das infraestruturas físicas da USC, agás das redes de telecomunicacións. Está composta pola Unidade de Mantemento e Seguridade dos edificios existentes e pola Unidade de Enerxía e Sustentabilidade.
-
ÁREA DE ORIENTACIÓN LABORAL E EMPREGO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantes 1º andar, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A misión da Área de Orientación Laboral e Emprego é desenvolver accións de información, formación e orientación laboral coa finalidade de mellorar as opcións de ocupabilidade e o proceso de integración laboral do estudantado e das persoas tituladas, ademais de facilitar a transición do sistema educativo á vida laboral.
-
ÁREA DE TECNOLOXÍA DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN (ATIC)
LOCALIZACIÓN:
– Pavillón de Servizos, Rúa Xosé María Suarez Nuñez.
FINALIDADE:
As tecnoloxías da información e da comunicación son un instrumento básico sen as que non é posible desenvolver unha universidade moderna e emprendedora. A investigación, a docencia e a xestión non poden acadar os compromisos de calidade sen unha utilización eficiente e intensiva das TIC.
-
ÁREA DEPORTIVA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Avenida das Burgas.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
A Área Deportiva da USC encárgase de planificar e xestionar as actividades e instalacións deportivas da USC co obxectivo de promover unha acción deportiva integral, saudable, diversa e para todas as persoas, co máximo respecto polo noso medio ambiente e a nosa cultura e de estimular a participación nas actividades físico-deportivas de todos os membros da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral, incidindo en políticas de igualdade para as persoas e colectivos de menor práctica deportiva.
-
CENTRO DE FORMACIÓN DE PERSOAL
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Vivenda dos Funcionarios 7 2º andar, Avenida das Ciencias.
FINALIDADE:
O Centro de Formación de Persoal ten como misión planificar, deseñar, executar e avaliar políticas formativas destinadas ao persoal da USC (PTXAS, PDI e PI) que estean aliñadas cos obxectivos e liñas estratéxicas aprobadas pola USC, que respondan ás necesidades formativas detectadas e que se orienten ao desenvolvemento profesional, como peza esencial para o cambio e a mellora da docencia, da investigación, da xestión e dos servizos que presta a USC.
Oferta os programas formativos para o persoal e mais a formación en idiomas do Centro de Linguas Modernas; impulsa a posta en marcha de proxectos innovadores que contribúan á mellora da docencia, e dá apoio ao uso do Campus Virtual e doutras tecnoloxías para a docencia.
-
CENTRO DE LINGUAS MODERNAS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa dos Catedráticos, Avenida das Ciencias, 7.
– LUGO: Aulario Lugo, Facultade de Humanidades, Complexo docente; Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
O Centro de Linguas Modernas é o centro da USC que organiza, xestiona e imparte os cursos de linguas propias e estranxeiras e convoca, organiza e realiza as probas de lingua, tanto da USC como as de exames oficiais de centros internacionais como o Instituto Cervantes, o Goethe-Institut, a Università per Stranieri de Siena (CILS) ou entidades semellantes. O CLM impulsa asemade actividades para divulgar as linguas modernas e as súas culturas.
-
ESCOLA INFANTIL BREOGÁN
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO:
· ESCOLA: Avenida de Vigo.
· ADMINISTRACIÓN: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A Escola Infantil Breogán (EIB) é un servizo educativo que ofrece a USC a toda a comunidade universitaria no seu compromiso social coa conciliación da vida laboral, persoal e familiar. Dirixe a súa actividade a nenos e nenas de 0–3 anos; a súa liña pedagóxica está baseada, principalmente, na afectividade, na observación, na experimentación e no xogo a través dun proxecto educativo global e integral.
-
GABINETE DE COMUNICACIÓN
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pazo de San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
Encárgase de difundir aos medios de comunicación todas as actividades e proxectos científicos, académicos, culturais e institucionais da USC e atende as consultas e demandas de información dos propios medios. Do mesmo xeito achega asesoramento á comunidade universitaria en relación á difusión de eventos ou novas de actualidade. As súas funcións abranguen en tres grandes áreas: comunicación interna, comunicación externa e comunicación institucional. Ocúpase da elaboración e publicación diaria do xornal dixital da USC e a xestión das redes sociais propias da USC.
-
IMPRENTA UNIVERSITARIA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón de servizos, Rúa Xosé María Suarez Nuñez.
FINALIDADE:
Servizo dedicado ao deseño, maquetación e impresión de toda a papelería oficial da USC (impresos, sobres, carteis, folletos, libros…) e mais a venda de todo tipo de material de oficina e consumibles de informática.
-
OFICINA DE CAPTACIÓN INTERNACIONAL
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudiantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A Oficina de Captación Internacional coordina as estratexias para a identificación de oportunidades relacionadas coa internacionalización da universidade e o fomento do interese de estudantes internacionais en estudar na USC. En particular céntrase en desenvolver novas iniciativas e programas e na difusión da oferta académica da USC e a súa imaxe internacional a través de accións de promoción e representación internacional.
Por outra banda, ofrece asistencia na atención e acollida aos/ás estudantes visitantes de universidades estranxeiras (free-mover) e estudantes internacionais con matrícula en programas oficiais da USC, así como ao persoal docente e investigador internacional, neste caso a través do Centro Galego de Mobilidade de Investigadores da Rede Europea EURAXESS, que se integra dentro da Oficina.
-
OFICINA DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova 6.
FINALIDADE:
A Oficina de Desenvolvemento Sostible é o servizo encargado de deseñar e desenvolver o Plan de Desenvolvemento Sostible (PDS) da USC e impulsar as políticas de sostibilidade na xestión, investigación, formación e a extensión universitaria, xerar novos coñecementos e promover a educación ambiental, desenvolver programas de ecoloxía interna e realizar campañas de sensibilización e participación social aliñadas co PDS e os obxectivos da Axenda 2030.
-
OFICINA DE IGUALDADE DE XÉNERO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A Oficina de Igualdade de Xénero ten como misión fundamental facer efectivo o compromiso da USC coa sociedade na consecución da igualdade real entre homes e mulleres, asumindo os principios de dignidade humana con independencia do sexo das persoas, e a igualdade e equidade de xénero como elementos fundamentais da actividade universitaria.
A OIX coordina a elaboración e execución do plan de igualdade da USC; impulsa iniciativas para desenvolver a cultura da igualdade e introducir a perspectiva de xénero nos distintos sectores do coñecemento; favorece a información, formación e investigación específicas en estudios de xénero; activa políticas de conciliación da vida laboral coa persoal e familiar de todas as traballadoras e traballadores da Universidade; e detectar e actúa como mediadora nos casos de conflitos por razón de xénero na docencia e as relacións laborais.
-
OFICINA DE INFORMACIÓN UNIVERSITARIA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
A Oficina de Información Universitaria, con presenza no Campus de Santiago e no Campus de Lugo, é o Servizo que canaliza as demandas informativas relativas a cuestións de carácter xeral sobre a organización, funcionamento e actividades da USC, tanto para o alumnado coma para o resto da comunidade universitaria e público en xeral. Para o seu labor de apoio ao alumnado nas distintas etapas do seu percorrido na USC, conta con atención presencial na propia oficina, atención telefónica e por correo electrónico, accións que se complementan coa participación en diferente tipos de eventos educativos.
-
OFICINA DE MOBILIDADE
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
A Oficina de Mobilidade ten por misión a coordinación e xestión administrativa dos distintos programas de intercambio académico nos que participa a USC (Erasmus+, convenio bilateral, SICUE…). En cooperación cos distintos centros, a Oficina de Mobilidade contribúe á internacionalización da comunidade universitaria, ofrecendo oportunidades de desenvolvemento académico e profesional ao alumnado, PDI e PAS.
Entre as principais tarefas da oficina están a redacción, publicación e resolución de convocatorias dirixidas á comunidade universitaria da USC, o control e seguimento das mobilidades e a solicitude e xustificación de fondos, así como a atención ao estudantado e persoal procedente de universidades socias.
-
OFICINA DE PROXECCIÓN INTERNACIONAL
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A Oficina de Proxección Internacional coordina a actividade de proxección exterior da USC garantindo a súa articulación coa misión e xestión institucional. Entre as súas funcións inclúense a identificación de prioridades estratéxicas no eido da internacionalización e a promoción de convenios e relacións de colaboración con organismos e institucións de educación superior internacionais, así como a participación en alianzas, redes, asociacións e foros educativos estratéxicos a nivel mundial.
A Oficina de Proxección Internacional asume, asemade, entre as súas tarefas a visibilización e posta en valor das estruturas e recursos de internacionalización da USC, asegurando o seu uso e aproveitamento interno así como o seu impacto no marco da súa estratexia de configuración dun perfil internacional.
Esta Oficina presta ademais soporte na planificación, así como na xestión das relacións institucionais con universidades estranxeiras.
-
OFICINA WEB
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pazo de Fonseca, Rúa do Franco.
FINALIDADE:
A Oficina web dinamiza e coordina a información e a comunicación da USC a través da súa web institucional e ocúpase do mantemento, elaboración e actualización da información académica e administrativa e presta apoio á xestión de contidos dos diferentes centros, departamentos e unidades de xestión da USC.
-
PARQUE MÓBIL
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
O Servizo do Parque Móbil asegura o transporte dos cargos de representación da USC e mais dos servizos ordinarios de mobilidade para garantir o normal funcionamento doutros servizos universitarios.
-
SERVIZO DE CORREOS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pazo de Fonseca, Rúa do Franco.
FINALIDADE:
O Servizo de Correos actúa como intermediario entre a USC é os operadores postais e ocúpase da recollida e distribución do correo entre os seus centros e servizos e do establecemento das rutas e os horarios para recollido e distribución polos diferentes centros e instalacións universitarias.
-
SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Vivendas dos Funcionarios, Avenida das Ciencias.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
O Servizo de Normalización Lingüística ten como misión promover e apoiar tecnicamente o proceso de extensión da lingua galega na Universidade de Santiago de Compostela. Para iso, deseña e desenvolve actividades, crea e difunde materiais, asesora en asuntos lingüísticos e planifica actividades formativas que poidan axudar a que os distintos membros da comunidade universitaria incorporen e manteñan o galego como lingua.
-
SERVIZO DE PARTICIPACIÓN E INCLUSIÓN UNIVERSITARIA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
O Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU) coordina a oferta de actividades de voluntariado, participación e inclusión universitaria coas que se favorece a formación integral do alumnado desde unha visión socialmente responsable e comprometida cos obxectivos do desenvolvemento sostible.
-
SERVIZO DE PREVENCIÓN DE RISCOS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Vivenda dos Funcionarios, Avenida das Ciencias.
FINALIDADE:
O Servizo promove a saúde e seguridade dos traballadores da USC e para iso deseña, aplica e coordina os plans e programas de actuación preventiva, avalía os factores de risco que poidan afectar á seguridade e saúde do persoal, e promove a información e implicación de todos na cultura preventiva.
-
SERVIZO DE PROTECCIÓN RADIOLÓXICA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Facultade de Farmacia, Avenida de Vigo.
FINALIDADE:
A misión do servizo é reducir os riscos derivados da utilización das radiacións ionizantes na USC dando cumprimento aos requisitos de seguridade e protección esixidos polas Administracións.
-
SERVIZO DE VIXILANCIA DA SAÚDE
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Vivendas dos Funcionarios, Avenida das Ciencias.
– LUGO: Edificio Intercentros, Rúa Bernardino Pardo.
FINALIDADE:
O servizo coordina e impulsa accións de vixilancia da saúde (campañas informativas e de sensibilización), realiza os recoñecementos médicos de empresa e o seu seguimento e control coas probas analíticas precisas. Atende asemade consultas por enfermidade común ou consultas urxentes dos traballadores da USC, ademais de prestar primeiros auxilios.
-
SERVIZO UNIVERSITARIO DE RESIDENCIAS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
O Servizo Universitario de Residencias (SUR) proporciona aloxamento ao alumnado e a outros colectivos universitarios a través dunha rede propia de Residencias e Colexios Maiores nos seus campus co obxectivo de permitir unha mellor integración, formación e igualdade de oportunidades no ámbito universitario. Ademais, o SUR tamén contribúe ao desenvolvemento e difusión de actividades culturais, científicas, artísticas ou deportivas, poñendo as súas dependencias a disposición das entidades organizadoras e facilita a xestión do aloxamento dos participantes en congresos da USC.
-
UNIDADE DE ATENCIÓN PSICOLÓXICA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
A Unidade de Atención Psicolóxica está dirixida a prestar atención psicolóxica aos/ás estudantes matriculados na USC nos graos, másters e doutoramento que presentan problemas psicolóxicos que interfiren co seu rendemento académico.
-
CENTRO DE DATOS E PROCESOS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
Poñer en valor os datos da USC como activo da organización para a toma de decisións, identificando procesos ineficaces e achegando solucións para optimizar o seu funcionamento. Xera os informes, indicadores e cadros de mando que son necesarios para a xestión, a toma de decisións e o cumprimento do compromiso de rendición de contas coa sociedade e a mellora constante dos procesos da USC.
O mantemento da USC en Cifras; a subministración de datos a unidades propias e entidades alleas (administracións públicas, rankings universitarios…); o apoio na analítica de datos ao sistema de garantía de calidade; o mantemento do catálogo de procedementos da Sede Electrónica; e a resposta as demandas sociais de responsabilidade, transparencia e información pública, son algunhas das tarefas do Centro, que tamén xestiona a nivel operacional o sistema institucional de enquisas.
-
OFICINA DE ANÁLISE DE RECLAMACIÓNS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
A Oficina de Análise de Reclamacións (OAR) é a unidade administrativa encargada da tramitación de recursos administrativos en materia de xestión académica; e mais de tramites as queixas e suxestións que presente o estudantado ou as persoas usuarias relativas ao funcionamento dos servizos docentes, administrativos e de apoio da USC.
-
SERVIZO DE ASESORÍA XURÍDICA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
O Gabinete de Asesoría Xurídica é unha unidade de asesoramento dos órganos de goberno da USC e de apoio aos restantes órganos e unidades da Universidade e os seus Centros, e encárgase da representación e defensa da institución perante os Xulgados e Tribunais.
-
SERVIZOS DE AXUDAS E SERVIZOS AO ALUMNADO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
O Servizo ocúpase da información e xestión das bolsas e axudas ao alumnado de Grao e Máster, da xestión das axudas ás asociacións de estudantes, da oferta de aloxamento universitario nas residencias e colexios maiores (Servizo Universitario de Residencias), e das actuacións a prol da conciliación da vida laboral coa persoal e familiar a través da Escola Infantil Breogán.
-
SERVIZO DE CONTRATACIÓN E PATRIMONIO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
O Servizo de Contratación e Patrimonio é a unidade administrativa responsable de coordinar, xestionar e dar seguimento aos procedementos de contratación, ademais de ocuparse da xestión patrimonial e de achegar asesoramento e a información necesaria para a toma de decisións en materia económica. Do Servizo depende tamén a xestión dos asuntos económicos dos centros de gasto con sede no Pazo de San Xerome e na Casa da Balconada.
O Servizo ten dúas seccións: a Sección de Xestión e Contratación e a Sección de Patrimonio. Xestión e Contratación ocúpase da tramitación e seguimento de toda a contratación administrativa da USC. Patrimonio é competente na xestión patrimonial dos bens mobles e inmobles da USC; na elaboración, actualización e seguimento do inventario xeral e mais a xestión dos expedientes de cesións e doazóns de bens, así como na xestión de incidencias relativas aos contratos de seguros.
-
SERVIZO DE CONTROL INTERNO
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
O Servizo de Control Interno é responsable da verificación do cumprimento de requirimentos contables, orzamentarios e legais da USC co obxectivo de atinxir a maior eficiencia e eficacia no uso dos recursos xestionados e contribuír á mellor toma de decisións e ao impulso de iniciativa de melloras da administración universitaria.
O Servizo de Control Interno asegura o cumprimento das normas e procedementos de xestión contable e orzamentaria; deseña procedementos de control e coordina a súa implantación; controla o cumprimento da legalidade; colabora na elaboración do orzamento asumindo tarefas de coordinación da información; coordina a implantación de novas ferramentas vinculadas á xestión contable e orzamentaria; colabora na implantación da contabilidade de custes; dá soporte ás auditorías externas e supervisa a contratación administrativa.
-
SERVIZO DE ORZAMENTACIÓN E PLANIFICACIÓN
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
O servizo ocúpase da planificación e da orzamentación da USC, así como do seguimento da súa execución e do análise do resultado da súa actividade a través da contabilidade analítica. A actividade do servizo concrétase a través dos seguintes descritores:
- Seguimento da execución do Plan Galego de Financiamento Universitario e outros instrumentos de financiamento (convocatorias competitivas, convenios…).
- Seguimento do financiamento afectado en relación á execución das actividades financiadas.
- Seguimento da execución do orzamento e a súa proxección, tanto en gastos, como en dereitos e tesourería.
- Análise do resultado de actividade e dos indicadores de xestión e elaboración do informe de contabilidade analítica a incluír nas Contas Xerais da universidade.
- Establecemento de tarifas por prestación de servizos.
- Definición da estrutura de programas que permita un correcto seguimento da actividade da universidade, así como o mantemento do resto de codificación económica.
Estas competencias desenvolveranse en coordinación coa Subárea de Contabilidade.
-
SERVIZO DE PLANIFICACIÓN DE PDI
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
O Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador ten encomendadas a avaliación das necesidades de persoal docente e investigador, a elaboración e mantemento da relación de postos de traballo e a xestión integrada dos diferentes procedementos de selección e provisión de postos de persoal docente e investigador, tanto funcionario como contratado.
Asume tamén funcións de apoio e soporte técnico e administrativo ás comisións de selección e ás comisións de reclamacións e revisión. No ámbito da xestión ten atribuída a proposta de resolución en diversos aspectos relativos á vida laboral do profesorado. É competencia deste Servizo elaborar propostas de regulación, memorias e informes, xestionar a documentación de soporte aos órganos de goberno para a toma de decisións e, en xeral, subministrar a información pertinente a outras unidades e órganos internos e externos da USC e mais proporcionar apoio técnico á Vicerreitoría que dirixe a política de persoal docente e investigador.
-
SERVIZO DE XESTIÓN ACADÉMICA
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pavillón Estudantil, Rúa Lope Gómez de Marzoa.
FINALIDADE:
O Servizo de Xestión Académica ten como misión a realización das tarefas relacionadas con todos os procedementos administrativos derivados do estudo na USC para alumnos e outros usuarios.
-
SERVIZO DE XESTIÓN DA OFERTA E PROGRAMACIÓN ACADÉMICA (PXOPRA)
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Colexio San Xerome, Praza do Obradoiro.
FINALIDADE:
O Servizo ten por misión servir de apoio ás estruturas académicas da USC para que estas configuren una oferta anual e integrada de estudos. A súa sección de Oferta e Programas de Estudo ocúpase dos procedementos de aprobación, modificación e renovación dos planos e programas de estudos oficiais e de colaborar na elaboración de informes sobre a demanda de estudos, a análise de resultados e o grao de satisfacción dos estudantes. A súa sección de Organización Académica xestiona os programas de organización docente dos departamentos e dos centros.
-
SERVIZO DE XESTIÓN DE PERSOAL
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
O Servizo de Xestión de Persoal ocúpase da xestión e resolución das incidencias administrativas e económicas do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos.
Atende os procedementos administrativos referidos á toma de posesión ou á formalización do contrato, altas en nómina e na Seguridade Social, recoñecemento de servizos previos, cambios de situacións laborais, expedientes de compatibilidades, prórroas e transformacións de contratos, cambios de categorías, permisos, licenzas, ou a extinción de relacións laborais, cesamentos, liquidacións, renuncias, xubilacións etc.
-
SUBÁREA DE CONTABILIDADE
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
Na Subárea de Contabilidade rexístranse as diferentes fases de execución dos gastos, ingresos e operacións non orzamentarias, a conta anual de liquidación dos orzamentos e a memoria económica anual na parte correspondente á análise das contas do exercicio.
Efectúase, asemade, a xestión da tesourería da universidade —pagamentos e cobros—, a xestión de activos e pasivos financeiros e o rexistro de avais, así mesmo actúa coma xestora das contas de anticipos a xustificar dos servizos centrais da Universidade.
-
SUBÁREA DE PLANIFICACIÓN DE PAS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Casa da Balconada, Rúa Nova.
FINALIDADE:
A Subárea de Planificación de Persoal de Administración e Servizos é unha unidade de apoio técnico á Xerencia para o desenvolvemento da política de PAS, centrando a súa actividade fundamentalmente na planificación dos cadros de persoal, a provisión de postos e selección dos recursos humanos necesarios.
As súas funcións principais son a avaliación das necesidades de persoal, definición dos perfís dos postos, elaboración das propostas de cadros de persoal, elaboración das ofertas de emprego, xestión dos procesos de selección e de provisión de postos e, por último, funcións de apoio e soporte técnico e administrativo aos tribunais de selección e provisión de postos.
Asemade, é competencia da subárea a elaboración de propostas de regulamentación, informes, memorias ou estudos que sirvan de soporte aos órganos de goberno para a toma de decisións, así como facilitarlles a información aos órganos de representación da USC.
-
UNIDADE DE CONVENIOS
LOCALIZACIÓN:
– SANTIAGO: Pazo de Fonseca, Rúa do Franco.
FINALIDADE:
A Unidade de Convenios ten por misión a tramitación e rexistro dos convenios que estableza a Universidade con outras entidades, públicas e privadas.
As súas funcións principais son o asesoramento e información sobre o procedemento de tramitación e sinatura dos convenios; a recepción, revisión e tramitación das propostas de convenios; a presentación para aprobación dos convenios no Consello de Goberno; o rexistro, arquivo e difusión dos convenios unha vez asinados.
-
UNIDADE DE ANALISE INSTRUMENTAL
LOCALIZACIÓN:
- Lugo: Edificio de Apoio á Investigación (CACTUS). Campus de Lugo.
FINALIDADE:
A Unidade de Análise Instrumental conta con diversas técnicas analíticas entre as que destacan: Análise Elemental, Análise Térmica e gravimétrica, ICP-MS, ICP-OES, e Cromatografía iónica.
-
AREA DE INFRAESTRUTURAS DE INVESTIGACION
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio de Apoio á Investigación (CACTUS). Rúa Constantino Candeira.
FINALIDADE:
A Área de Infraestruturas de Investigación é a estrutura organizativa, dependente da Vicerreitoría de Política Científica, que integra as infraestruturas instrumentais de uso común que prestan servizos de apoio á investigación na USC. O obxectivo funcional da Área de Infraestruturas de Investigación é dotar de maior unicidade e operatividade aos recursos de apoio á investigación da USC.
-
AREA DE VALORIZACION TRANSFERENCIA E EMPRENDEMENTO (AVTE)
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Vivendas dos funcionarios. Avenida das ciencias.
- Lugo: Edificio CACTUS. Campus de Lugo.
FINALIDADE:
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) é o servizo encargado da xestión integral do proceso de transferencia dos resultados de investigación e mais da difusión e a promoción da cultura emprendedora entre a comunidade universitaria. A AVTE identifica resultados con potencial comercial; xestiona as patentes para protexelos negocia e establece acordos de licenza e impulsa a creación de empresas baseadas en resultados de investigación.
-
ARQUIVO HISTORICO UNIVERSITARIO (AHUS)
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Casa Simeón. Rúa das Casas Reais.
FINALIDADE:
O Arquivo Histórico Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica creada Universidade ao longo da súa historia, así como por fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á USC. O Arquivo Universitario estrutúrase en administrativo e histórico. Na súa condición de arquivo histórico constitúe unha unidade de apoio á investigación e á docencia e a súa misión é conservar, ordenar, clasificar e facilitar a consulta e uso da documentación.
-
BIBLIOTECA UNIVERSITARIA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Rúa do Franco.
FINALIDADE:
A Biblioteca Universitaria ten a súa orixe na primitiva Librería da Universidade, creada a mediados do século XVI. A colección histórica da Biblioteca é o resultado da adquisición de fondos por parte da Universidade e das moi valiosas achegas bibliográficas recibidas ao longo da súa historia. Na actualidade, a Biblioteca Universitaria defínese como un centro de recursos para a docencia, a investigación, o estudo e a aprendizaxe. Está constituída por todos os fondos bibliográficos, documentais e audiovisuais adquiridos polos diferentes centros e servizos. Ofrece 20 puntos de atención nos campus de Santiago e Lugo.
-
CASA DE EUROPA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Parque de Vista Alegre. Rúa das Salvadas.
FINALIDADE:
A Casa de Europa é unha residencia universitaria destinada ao aloxamento de profesorado convidado e visitantes procedentes doutras universidades do mundo que acoden á Universidade de Santiago de Compostela para participar en actividades docentes e investigadoras.
-
CENTRO DE ESTUDOS E DOCUMETACION EUROPEA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Facultade de Dereito. Rúa Dr. Ángel Echeverri
FINALIDADE:
O Centro de Estudos e Documentación Europeos (CEDE) da USC é un centro de xestión de coñecementos que actúa como mediador entre a Unión Europea (UE), a comunidade universitaria e a sociedade galega. Entre outras tarefas, o CEDE dá acceso a publicacións e documentos oficiais da UE; axuda a encontrar información sobre a historia, a estrutura, a lexislación e as políticas da UE; orienta sobre as oportunidades de traballo e de prácticas nas institucións comunitarias; e organiza actividades de divulgación e formación dirixidas á comunidade universitaria e á sociedade en xeral.
-
ESTACION BIOLOXICA MARIÑA DE A GRAÑA
LOCALIZACIÓN:
- Ferrol: A GRAÑA. Rúa da Ribeira.
FINALIDADE:
A Estación de Bioloxía Mariña da Graña é unha instalación científica creada para fomentar e facilitar a investigación e a docencia na bioloxía mariña e para prestar asesoramento e dar difusión a iniciativas relacionados coa fauna e flora mariñas de Galicia.
-
ESTACION HIDROBIOLOXICA "ENCORO DO CON"
LOCALIZACIÓN:
- Vilagarcía de Arousa: Castroagudín - Cea.
FINALIDADE:
A Estación é un centro de investigación científica especializado en hidrobioloxía que desenvolve asemade acción docentes e actividades de divulgación sobre bioloxía das augas continentais, facilitando aos investigadores as súas instalacións e medios para o desenvolvemento dos traballos científicos, proxectos de investigación, teses doutorais ou reunións científicas.
-
HERBARIO SANT
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Facultade de Farmacia. Avenida de Vigo.
FINALIDADE:
O Herbario é un servizo de apoio á investigación dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación. Trátase dunha colección científica en crecemento constante de espécimes vexetais desecados, etiquetados e tratados convenientemente para a súa preservación indefinida.
Os seus obxectivos principais son os de reunir material científico representativo da diversidade vexetal, prioritariamente de Galicia e secundariamente doutros territorios ibéricos, continentais ou mundiais. Os labores de investigación comprenden dende a recolección de mostras vexetais completas no campo, ata a súa catalogación e almacenamento seguindo unha ordenada sistemática botánica, pasando pola desecación, preservación, determinación, etiquetado e informatización de cada mostra.
O Herbario está aberto á comunidade científica en xeral e entre as súas actividades, esporádicas, figuran colaboracións en actividades docentes de 2.º e 3.º ciclo. Ademais, pertence á Asociación de Herbarios Ibero-Macaronésicos (AHIM) e participou entre outros nos proxectos "Flora iberica" e "Global Plants".
Os contidos das coleccións do herbario son accesibles en todo o mundo a través da Global Biodiversity Information Facility (GBIF) e tamén a través da propia web do servizo.
As siglas SANT corresponden a súa matrícula internacional, coa que é recoñecido na comunidade botánica mundial.
-
HOSPITAL VETERINARIO UNIVERSITARIIO Rof CODINA
LOCALIZACIÓN:
- Lugo: Hospital veterinario. Estrada da Granxa.
FINALIDADE:
O Hospital Veterinario Universitario Rof Codina realiza un labor asistencial de alta calidade dirixida a veterinarios e propietarios de animais incorporando as máis recentes técnicas de diagnóstico por imaxe (TAC, gammagrafía, ecografía...) e variadas modalidades terapéuticas avanzadas e(tratamentos con radioisótopos, cirurxía láser, artroscopia, laparoscopia...).
Ademais da actividade clínica, o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina é unha instalación de soporte do labor investigador e docente ofrecendo formación práctica a alumnos da Facultade de Veterinaria, cursos de reciclaxe, actualización e especialización profesional dos posgraduados e profesionais do ámbito da saúde pública, ambiental e veterinaria.
-
LABORATORIO DE RADIOFISICA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Estrada de San Lourenzo.
FINALIDADE:
O Laboratorio de Radiofísica é unha instalación de irradiación que presta servizos de apoio a iniciativas de I+D+i e de Transferencia Tecnolóxica relacionados coa detección e aplicacións da Radiación Ionizante. A plataforma dispón dun búnker de 60 m2 que acolle un irradiador gamma (Cobalto 60) e un Acelerador Linear. Ofrece a calquera usuario dos sectores público ou privado servizos de calibración, de irradiación e de radioterapia veterinaria.
-
UNIDADE DE MAGNETOSUSCEPTIBILIDADE
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa de Constantino Candeira.
FINALIDADE:
Unidade especializada na realización de análises de magnetización e susceptibilidade de pequenas mostras experimentais sobre un amplo rango de temperaturas e campos magnéticos.
-
MUSEO DE HISTORIA NATURAL
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Museo de Historia Natural: Parque de Vista Alegre.
FINALIDADE:
O Museo de Historial Natural agrúpanse en torno aos conceptos de Biodiversidade, Biodiversidade Terrestre, Xeodiversidade e Solo, e Biodiversidade Mariña que permite un percorrido por ecosistemas de augas continentais e bosques galegos ou pola xeodiversidade.
As coleccións deste museo foron conformándose desde mediados do século XIX, maioritariamente con aportacións de profesores da Universidade de Santiago de Compostela, de científicos e naturalistas, así como de particulares e institucións.
-
MUSEO UNIVERSITARIO A DOMUS DO MITREO
LOCALIZACIÓN:
- Lugo: Museo. Praza Pio XII.
FINALIDADE:
O Museo Universitario A Domus do Mitreo é un centro museístico xestionado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) situado nun edificio que alberga a sede do Vicerreitorado do Campus de Lugo. No seu solar apareceron os restos dunha domus que, durante o Baixo Imperio romano, foi parcialmente reformada para construír un edificio privado destinado ao seu uso como mitreo. O Museo expón nas súas instalacións unha selección de pezas cerámicas, de vidro e metálicas que foron atopadas nas escavacións arqueolóxicas do solar, principalmente de época romana, aínda que tamén se acharon restos materiais de época medieval e moderna.
-
OBSERVATORIO ASTRONOMICO "Ramón María Aller"
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Observatorio. Avenida das Ciencias.
FINALIDADE:
Fundado en 1943 polo profesor Ramón María Aller Ulloa, como continuación do observatorio particular que tiña en Lalín. As súas principais funcións son a investigación (en distintas liñas pero especialmente en estrelas binarias e múltiples), a docencia (acolle as prácticas do alumnado que cursa materias de astronomía), divulgación astronómica (organizando e desenvolvendo numerosos programas), e meteoroloxía (ten a serie viva de datos mais antiga de Santiago de Compostela, e é dende 1982 centro colaborador da Aemet). Dispón de instrumentación astronómica moderna de calidade e a súa biblioteca é unha das mais completas no ámbito universitario.
-
OFICINA NEXTGENERATION
LOCALIZACIÓN:
- Santiago:
· Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
· Casa da Balconada. Rúa Nova.
FINALIDADE:
A Oficina NextGeneration é a encargada de centralizar e xestionar a información e a execución de axudas e subvencións que procedan do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) así como de impulsar as accións que sexan necesarias para axilizar a absorción e execución dos fondos europeos.
Para poder levar a cabo esta encomenda, busca automatizar os procesos de traspaso bidireccional da información económica desde os sistemas da USC aos sistemas estatais, para facer ese traballo de xeito áxil, eficiente e seguro. Tamén porporciona asesoramento ás estruturas e persoal investigador para a percepción de axudas financiadas con MRR, así como do estudo previo da súa viabilidade e o control da súa tramitación.
A Oficina NextGeneration depende da Xerencia, coordinada dende a Vicexerencia Xeral Técnica, as direccións das Áreas de Xestión da Investigación, Economía e Promoción e Estratexia Científica, e a xefatura da Subárea Económica, para os efectos de organizar e dirixir as súas actuacións.
-
SERVIZO DE DOAZON DE CORPOS
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Departamento de Ciencias Morfolóxicas. Facultade de Medicina e Odontoloxía. Rúa de San Francisco.
FINALIDADE:
O Servizo de Doazón de Corpos da USC, adscrito ao Departamento de Ciencias Morfolóxicas e integrado na área de coñecemento de Anatomía e Embrioloxía Humana, executa unha labor fundamental, a xestión integral dos procesos relacionados coas doazóns de corpos realizadas á USC para docencia e investigación.
A doazón do corpo ao servizo da docencia e da investigación é un acto persoal, voluntario e solidario de enorme xenerosidade e altruísmo, pero tamén supón unha contribución de valor incalculable ao avance da ciencia e mellora da formación dos profesionais das ciencias da saúde.
-
SERVIZO DE MEDIOS AUDIOVISUAIS (SERVIMAV)
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Facultade de Ciencias da comunicación. Avenida de Castelao.
FINALIDADE:
A misión do Servizo de Medios Audiovisuais (SERVIMAV) é potenciar o uso de novas tecnoloxías audiovisuais na docencia e na investigación e incentivar a produción e difusión de vídeos educativos, culturais e divulgativos na USC. Asemade, o SERVIMAV ocúpase do arquivo e custodia dos fondos audiovisuais da Universidade e a súa publicación a través das canles USC TV e Youtube USC.
O seu catálogo de servizos inclúe a gravación e retransmisión, a través da canle Youtube USC, de eventos da Universidade; a creación de produtos audiovisuais para departamentos, grupos de investigación, facultades etc.; a colaboración co Centro de Tecnoloxías da Aprendizaxe (CeTA) dando soporte aos procesos de calidade da ensinanza e promovendo o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Ademais, asesora á Universidade na adquisición e utilización de novos equipamentos.
-
SERVIZO DE OPTOMETRIA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Facultade de Optica e Optometría. Edificio Monte da Condesa.
FINALIDADE:
O Servizo de Optometría cumpre funcións clínicas e educativas enfocadas na xeración e difusión de coñecemento no ámbito da optometría como son: formar profesionais en atención primaria visual nos niveis de promoción, prevención, diagnóstico, tratamento, rehabilitación e investigación científica e tecnolóxica; proporcionar á Facultade de Óptica e Optometría soporte clínico e investigador; e brindar asistencia primaria visual de alta eficiencia e calidade.
-
SERVIZO DE PUBLICACIONS E INTERCAMBIO CIENTIFICO
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Casa Gradin. Campus Vida.
FINALIDADE:
O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico (SPIC) edita, distribúe e intercambia libros, monografías e teses de doutoramento que son resultado da investigación dos profesores e investigadores da USC, así como revistas científicas de diferentes áreas de coñecemento. As decisións en materia de edición e política editorial son adoptadas pola Comisión Editorial Académica, formada por dez membros pertencentes ás cinco grandes áreas do coñecemento. O SPIC concede prioridade ás obras orixinais de profesores e investigadores da USC, aínda que pode acoller tamén a edición de obras de investigadores externos.
-
SERVIZO TECNICO DE INSTRUMENTACION CIENTIFICA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: DME S.L. Estrada de San Lourenzo - Vidán.
FINALIDADE:
O Servizo Técnico depende da Vicerreitoría de Investigación e Innovación e ocúpase do mantemento e a reparación dos equipos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. Este servizo adxudícase cada 4 anos, mediante concurso público, e atópase na actualidade encargado á empresa DME, S.A. (correo electrónico: instrumentacion.usc@deyman.com)
A Vicerreitoría financia o importe das reparacións, en tanto que os grupos de investigación abonan o custo dos materiais empregados nesas reparacións. Trimestralmente o Vicerreitoría impútalle aos Departamentos ou Institutos Universitarios o custo deses materiais.
As solicitudes de reparación faranse mediante formulario web. Os grupos de investigación poderán consultar o estado dos seus equipos, para iso terán que darse de alta cumplimentando o pertinente formulario. Unha vez cumplimentado o formulario poderán facerse consultas a través do formulario de consultas.
-
SERVIZO DE ARQUEOMETRIA E CARACTERIZACION DE MATERIAIS
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
FINALIDADE:
A Unidade de Arqueometría e de Caracterización de Materiais realiza estudos de obxectos arqueolóxicos, bens culturais, minerais e doutras mostras naturais e de carácter tecnolóxico e industrial a través de técnicas de análise elemental (CHNS, XRF), tomográfía de raios X, petrografía microscópica e imaxe científica (radiografía, fotografía 3D e fotografía hiperespectral).
-
UNIDADE DE ESPECTROMETRIA DE MASAS E PROTEOMICA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
FINALIDADE:
A Unidade dá soporte para a realización de análises de espectrometría de masas e proteómica para obter información relativa á masa molecular ou información estrutural dun composto orgánico, inorgánico ou biolóxico mediante un amplo abano de técnicas (Impacto electrónico, Ionización química, Maldi, Electrospray, Ionización química a presión atmosférica...).
-
UNIDADE DE IR-Raman
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
FINALIDADE:
A unidade realiza análise de epectroscopias infravermellas e Raman para achegar información sobre as propiedades internas dun elemento (composición química, impurezas, interacción entre substituíntes, análises de grupos funcionais etc.) que teñen múltiples aplicacións (análise de polímeros e aditivos, estudos forenses, identificación de contaminantes ambientais ou de pigmentos...).
-
UNIDADE DE MICROSCOPIA ELECTRONICA E CONFOCAL E DE APOIO AS ESPECIALIDADES BIOLOXICAS
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
- Lugo: Edificio CACTUS. Campus de Lugo.
FINALIDADE:
A Unidade ofrece aos investigadores da USC, e mais aos de centros de investigación públicos ou privados, un conxunto de prestacións técnicas e asesoramento para a observación das mostras nos microscopios electrónicos e confocal e prestacións de apoio ás especialidades biolóxicas.
-
UNIDADE DE RAIOS X
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
FINALIDADE:
A Unidade de Raios X está dedicada ao estudo dos sistemas estruturados con periodicidades de curto ata longo alcance (0.5-1000 Angstroms). Disponse de capacidade experimental para realizar estudos de monocristal (determinación da estrutura cristalina e molecular), po cristalino (análises de fases, alta resolución, cristalinidade), dispersión e difracción a baixo e medio ángulo (SAXS e WAXS), reflectometría (XRR).
-
UNIDADE DE RESONANCIA MAGNETICA
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Edificio CACTUS. Rúa Constantino Candeira.
- Lugo: Edificio CACTUS. Campus de Lugo.
FINALIDADE:
A unidade ofrece servizos de apoio á investigación nas tres variantes da espectroscopía de Resonancia Magnética: a Resonancia Magnética Nuclear (RMN), a Resonancia Paramagnética Electrónica (EPR) e Imaxe de Resonancia Magnética (MRI) que permiten análises para achegar resultados cuantitativos de estruturas químicas, dinámica e interaccións moleculares, e imaxe molecular de mostras de orixe moi diversa.
-
UNIDADE DE SOPRADO DE VIDRO E CUARZO
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Almacén de mantemento. Estrada de San Lourenzo.
FINALIDADE:
Servizos de asesoramento, deseño, fabricación e reparación tanto pezas estándares como pezas de novo formato ata 11 cm de diámetro con fins docentes e investigadores, non estando contemplado a fabricación de vidro aforado nin a reparación de elementos aforados en partes calibradas.
Préstanse servizos de soporte a unha ampla gama de liñas de investigación das Facultades de Bioloxía, Farmacia, Física, Medicina, Químicas e Veterinaria, CSIC, FEDER, Instituto de Cerámica, así como a diversas necesidades docentes.
-
UNIDADE DE TABAQUISMO E TRASTORNOS ADICTIVOS
LOCALIZACIÓN:
- Santiago: Facultade de Psicoloxía. Rúa Xose María Suarez Nuñez.
FINALIDADE:
A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Adictivos presta asistencia cognitiva-condutual no ámbito das adiccións (tabaco, xogo patolóxico, cannabis, cocaína...) e a comorbilidade asociada a estes trastornos (depresión, ansiedade...). Asemade, proporciona soporte asistencial e de formación profesional e desenvolve programas de investigación para a mellora dos tratamentos e intervencións psicolóxicas no eido das adiccións.